un mapa no deserto

Hai dias que contradiscurso lanzou unha chamada ao espacio do blogomillo, e pensei que era bo momento para darlle unha oportunidade nova a uns espazos que estan a quedar difuminados nos xardíns pechados das redes sociais.

Hoxe cheguei á lectura do sorprendido artigo (xa vello, de hai meses) dun blogueiro que saiu do cárcere (entrou por blogueiro) e, despois de oito anos desconectado, atopa que as prediccións dunha Rede captiva son reais. E chama á recuperación do espazo de liberdade e interconexión horizontal que foi, e pode seguir sendo, a web.

O resultado destas duas ideas nunha plácida mañá de sábado foron uns minutos na procura dunha ferramenta para lectura de RSS (voltei ao inoreader), e máis un par de horas recopilando blogues das fontes que tiña na cabeza: os blogues de @blogaliza con máis visitas, os blogues referenciados polo usuario de twitter @blogsdopais, e algún máis: unha lista de 77 blogues, incompleta, pero aberta á colaboración e incorporación das listas que tedes os demáis lectores de blogues en galego, que sodes/somos moitos.

Quedan vostedes invitados!