motivos para celebrar o solsticio

-mañá abandonamos google: levamos un ano usando os servizos de correo de google para as nosas comunicacións “de empresa”. Neste ano non tivemos queixa ningunha, alén da “mosca detrás da orella” de termos ao fedello de Google mirando no que falamos. O primeiro “pero” foi o prezo: para un número reducido de contas de correo o servizo é moi competitivo, pero cando chegas a unha fronteira, digamos a media ducia de contas de correo, xa pesa máis o que lle estas a pagar a Google que o que poderías pagar por un servidor dedicado só ao sistema de correo. E sendo un conxunto de usuarios que non necesariamente usamos todos todo o tempo o webmail (de feito o Thunderbird estase impoñendo entre nós) tampouco é razón suficiente o “marabilloso” interfaz de webmail de Google. E esta o roundcube, que xa nos permite esquecer monstros doutros tempos (que pesadelo, administrar un squirrelmail corporativo!). Por todas estas razóns mañá non renovamos os servizos de Google para dominio. Pode ser que sexamos un chisco máis libres…

-o roundcube non esta tan mal como o squirrelmail: o dito. Se tes acceso IMAP aos teus servidores de correo, e tes algo parecido a “o teu computador”, seguramente preferirás empregar un cliente pesado, como Thunderbird. Digo seguramente porque ata hai non moito as capacidades de búsqueda do webmail de Google estaban moi por diante incluso das dos clientes de escritorio. Pero hoxe, ainda que só sexa por facer a proba, recoméndoche que lle botes unha ollada á búsqueda dentro de Thunderbird. Gráficas de frecuencia, etiquetas, procura en múltiples contas… e instantaneo! E se precisas dun webmail para os usuarios “desconectados”, o roundcube ten a apariencia limpa e sinxela que é esperable nunha aplicación web deste tempo. Funciona ben.

-estamos a usar un sustituto válido de google reader, en rede. Chámase TinyTinyRSS e é can vello. Se consultas os foros de desenvolvemento da aplicación vas atopar historias de usuarios que levan anos dubidando entre TTRSS e o Google Reader (cando existía). A medida que Google vai deixando peso polo camiño as alternativas poden ir gañando puntos. É unha ferramenta na web, multiusuario que permite os “compartidos” e a anotación de artigos. Ten un sistema de puntuación baseado en filtraxe de entrada, e non provoca unha carga apreciable no servidor (para centos de feeds). Semella estar optimizado dabondo como para que as actualizacións se fagan dunha soa vez, e entre as “features” sociais que incorpora está o descubrimento de novos feeds doutros dos usuarios do sistema.

-o noso golem máis querido vai tomando forma, achégase á videoconferencia, e á xestión de arquivos con control de versións. Comezou sendo unha aproximación a un xestor de tarefas, seguiu como repositorio común, e lugar de conversa informal; incorporou o “contexto” como espacio de visibilidade, e nos planes están a edición colaborativa e case calquera outra necesidade que poidan ter os equipos distribuidos, coma o noso. En breve máis novas. Polo de agora xa ten nome: Gael. Que casualidade!

-na horta os feixóns prosperan, e as nabizas ocupan o espazo; as froles de chícharo e das fabas “eclipses en medio dunha noite de luar”…

-os bitcoins estan a 3,9 e subindo paseniño.

4 thoughts on “motivos para celebrar o solsticio

  1. Eu tamén flipei co sistema de busca das últimas versións de Thunderbird… pero lamentablemente xa estamos moi “enganchados” ao GApps como para deixalo agora.

    Eu houbo un tempo que tentei cambiar o http://enblogamia.adorfunteca.org/ de Gregarius a TTRSS, pero ao final pasei de todo e saltei ao GReader …igual un día o recupero.

    P.D. Eu aínda sigo usando th (e tamén o empathy para a mensaxaría), pero chsssss! non o comentes por aí… ;P

  2. o dito: o TTRSS é can vello, e visto a perspectiva “redesocial” de google reader parece unha opción a considerar. De feito andamos a ver de migrar a araña do blogomillo (que comezou sendo gregarius e despois pasou a ser un conxunto de scripts “da casa”) ao TTRSS, e así incorporar unha dimensión social na lectura da portada de blogaliza… só nos falta ver cómo facer “públicas” as anotacións que se fan nas novas dende o TTRSS.

    e o que dis de estar “enganchados”, a fin de contas é un cliente IMAP: podes seguir vivindo nos servidores de google, pero ter o interfaz en local. Paga a pena, como dis, polas buscas.

  3. Entre o Thunderbird para o computador, o K9Mail para o Androide, as melloras nos webmails libres e o desacordo fondo no sobrecargado e integrado coa G+do Gmail; a liberdade estase voltando ben mais cómoda no que a correo electrónico se refire.

    O TTRSS é unha necesidade, polo ermo que deixou Google no software libre co seu Don’t be evil; e pola compartición de lecturas non so con amigos e non so no presente infinito do G+/Facebook.

    Agardamos que contes mais do Gael! E tamén da experiencia con Bitcoin.

  4. O TTRSS é unha necesidade, como dis Sak, pero esta moi falto na cousa de “socializar” polos comentarios e polos compartidos: só produces un RSS (que ben podes empotrar noutro sitio, incluso ben pode usar outro usuario do mesmo TTRSS, pero non é operativo ter que facelo a man), e nese RSS as anotacións van bastante mal empaquetadas, ata estaren case invisibles…

    Toca seguir buscando outra alternativa ao TTRSS, e ao GReader… algunha idea?

Comments are closed.