recetarios e participación

Tantas cousas que contar, que finalmente non contas nada. Un blog non se considera morto ata despois de seis meses sen novas anotacións… de blogomillos, mortos e vivos habemos falar noutra ocasión. Nestes meses houbo tempo para moito: masa nunha formigoneira, marmelada de figos, dous composteiros, unha horta na que plantei e recollín máis dunha ducia de especies hortícolas con éxito moderado, un novo blog, seguín atendendo as máquinas, convencinme de que hai esperanza…

…e sobre todo, tiven constancia de que a participación é a clave de case todo o que se pode salvar da quema na que estamos a vivir. Que o Tea Party é unha panda de tolos integristas? igual si: pero igual que os vellos cuaqueros, unha panda de tolos que se reunen en asamblea para decidiren cal é o dogma. Que os do 15M son unha panda de fillos do sistema que só queren manter regalías? igual si: pero estan a construir un relato novo do ser e do estar por medio de procesos de decisión asamblearios. Inventando a realidade? Mellor en colectivo, que non nun consello de administración ou, peor, nun consello de sabios…

Estes dias ando dándolle voltas, moitas voltas, a duas ideas:

unha: que pasaría se Google fora unha cooperativa?

duas: que pasaría se o modelo territorial dos «territorios cedidos» do Singapur previo á invasión Xaponesa (ese modelo de «sociedade aberta» baseado nos ghettos) se puidera exportar a outros «territorios cedidos», aos que o «estado» xa non chega? sería moi diferente da ocupación do territorio que fan por medio de franquicias nas imaxinacións da autoestrada da costa de California, esa AP-9 rodeada de luces de neón?

Volver, unha e outra vez, a Illas na Rede, de Sterling; e a Diamond Age, de Stephenson: atopar que as construccións, os relatos imaxinarios son reutilizables, inclusive o da «comunidade real»: a tribu que tanto pensaron os pensadores vascos, ou a «famiglia» dos Corleone, ou calquera outra vella casa nobiliar do tempo que foi? A fin de contas o feudalismo non esta tan lonxe: mirade se non son resilientes os recadadores de plusvalía agraria (?). Mirade se non é resiliente a campeona de xogar ao Xogo de Tronos da realidade, dona Cayetana… A diferencia, o matiz, é a cantidade de interesados que se sentan na mesa do consello. Unha cooperativa, unha asamblea dos participantes, ou un consello de administración, un grupo de «consejeros delegados» que finalmente foxen do barco levando a caixa do tesouro…? Para eso temos o aforro nas Caixas?

que pasaría se google fora unha cooperativa? pensan vostedes? Non creo que o tamaño sexa problema: mira no Eroski.


Onte foi un biscoito, despois de convertir máxicamente, a base de forza centrífuga, medio litro de nata líquida en manteiga e soro: o líquido acabou ligado cos ovos e a fariña. O forno fixo o resto.

…e finalmente convidamos ao Sobrereiro Tolo a unha Tea Party á beira do rego para dar boa conta do biscoito. Rico, rico…

En que se parecen unha leira recén sachada, unha Sociedade Limitada que aspira a convertirse en Cooperativa e un biscoito que non durou máis de 36 horas?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>