VI Simposio O Libro e a Lectura
Dous dias compartidos cos editores, libreiros e alumnos da USC que tiñan créditos por cubrir. Moitas ideas, moitos enfoques, e unha sensación a comida china e kebab: doce e non tan doce.
O meu favorito foi a presentación do sr. Bragado, “oriundo no Barrio do Cura, en Pi y Margall”, no corazón de Vigo, nativo dixital antes que moitos escoitaran xuntas estas duas palabras máxicas. Despois de excusarse por non ter un “powerpoint”, guiounos polos espazos entre liñas dun pdf multimodal, combinando explicación e prestidixitación multimedia. Destacou o principio de “literacidade”, alén da “alfabetización”, segundo as ideas de Casali: “práctica social de lectura e escritura”. Literacidade electrónica globalizada. O seu texto esta enteiro no seu blogue, e ben merece unha lectura repousada. Dunha prosa electrónica ainda por nacer: hipertextualidade, intertextualidade, multimodalidade e multilectura. A nova lectura xa non lle da preeminencia ao soporte, senon ao contido, como práctica social. Foi unha necesaria posta en contexto que nos distancia do debate espumoso dos trebellos tecnolóxicos… Que lle vou facer, sonche un fan do sr Bragado…
Do resto, nada que non fora esperado (intensidade aparte): os que funcionan como recolectores de novas tecnolóxicas dixeron o que xa sabian todos os que len os mesmos RSS. Os que viñan a vender productos e servizos loubaron as bondades do sistema de protección dos DRM (sexa alugado a un terceiro -Adobe-, como publidisa ou numilog, ou pola ofuscación, como google editions). Ata houbo algún espontaneo que tamén viña a “falar do seu libro”. E das preguntas que puiden facer aqui e acolá, conclusións e afirmacións que amosan as contradiccións dunha perspectiva que non vexo como sustentar: é de entender que os editores queren, precisan, seguridade para trasladar o seu modelo de negocio, a sua cadea de valor, do papel ao dixital. Pero ese non é o camiño. Por esa via só avanzamos na perda de liberdade. Tanto numilog como publidisa (como google) falan das marabillas do dixital, das posibilidades ilimitadas, do alcance global, do potencial de mercado, de mil e unha cenorias que bailan ao final dun fio, diante do nariz dos editores. Pero cadaquén garda unha carta: uns non asumen custes de dixitalización, pero tampouco riscos de comercialización. Nin estan preocupados pola perda de liberdade, nin polo previsible descifrado dos DRM aplicables, nin pola dependencia tecnolóxica que supón ter os libros asinados por Adobe. Outros asumen os custes de dixitalización, pero convirten ao sector en monicreque dun operador unitario que, neste caso, non vai compartir os seus xoguetes cos demáis. Eso si: feliz monicreque que, segundo a prensa mainstream, esta a participar da revolución tecnolóxica. O momento álxido foi cando alguén preguntou que pasaría en caso de querer “sair” do acordo entre editor e google: onde quedaban os libros dixitais? Nas mans do editor non, claro.
Tan pouco aprendimos do que pasou cos outros productores de contidos dixitais? Ante a pregunta sobre a experiencia de Disney, que abandona o modelo DRM por otro baseado en descargas baixo demanda, a resposta (numilog) foi que Disney non é unha editora importante… Tan lonxe esta o dixital, que non entendemos que canto máis regales, máis terás? Tan dificil é ver que os libros -sexan o que cheguen a ser- van ser cousas dixitais, igual que as pelis de Disney?
Na fronteira, e cuns números que desaniman ao máis pintado (pode ser que froito dun catálogo limitado?) Luarna plantexa outros “sistemas DRM” semellantes ao vello “ex libris” do papel. Abondaría esto para os editores? Parece que estamos convencidos de que, igual que podemos montar “seguridade privada” nos atuneiros, podemos levar a nosa capacidade de coerción á rede? Dende logo Sarcosy e os seus amigos si que o ven posible. Será a herdanza do Minitel?
Sobre trebellos, ninguén da un patacón polos lectores de tinta electrónica: é unha revolución na que estamos metidos todos, pero da que ninguén confia. Levamos tanto tempo agardando… que todo nos vale. De todas formas, sigo empeñado en que este nadal vai ser o gran agasallo dos papanueles e reyesmagos (e, segundo se dixo moitas veces onte e hoxe, da cabeceira en papel do grupo prisa, co sistema de cupons).
Fascinante a eficiencia do discurso dirixido cara ao obxectivo, en todos os casos pero especialmente no de google: Non hai contido para os trebellos e eso potencia a “pirateria”. A tecnoloxía non é importante. Hai que replantexar o modelo de propiedade, cara ao acceso, máis que á posesión… (non son citas literais, pero casi).
E para remtar, o último conferenciante tirando das orellas sobre o comportamento dun sector despreocupado (ou demasiado liado na supervivencia como para preocuparse) da trazabilidade das fontes do papel, e dos metais pesados que as tintas empregadas liberan ao medio. Ao final, a puntilla eco-consciente para un sector completamente desorientado entre tantas luces de cores.
–
Engadido do 19 de Novembro: Nos seguintes dias ao Simposio asistimos ao Seminario sobre Edición e Internet que “compartiu” Javier Celaya cos asistentes. O resto de participantes ao Simposio foron retornando ás suas casas, e comezaron a deixar nota das súas conclusións:
- Marcos Taracido, de Libro de Notas, fala da sua perplexidade ante o asunto mercantil
- Pablo Odell, de Tokland, fai un resumo das impresións que lle causaron as dimensións do contexto (moi humano)
- Francisco Jimentez, de Paradigma Libro, centrase no “host” do evento: Javier Celaya
- Manuel Bragado, de Edicións Xerais de Galicia, fixo unha análise cum laude do pasado, e do presente
- Alberto Cano, de Soybits, que aproveita para facer unha panorámica dos asuntos quentes do sector
- a miña propia intervención, facendo unha chamada de atención sobre a perspectiva lectora e a liberdade
- e, por ultimo, as conclusións que sacou a Asociación Galega de Editores.
E, aproveitando o momento tecno-libresco, pregunteille ao sr Quirós polos seus Cool-er, toquei o que traia, e acto seguido fixen a comanda na web (non levaba ningún para vender “en persoa”): agora temos na casa un fermoso trebello rosa-palido que comeza a estar cargado de epubs… seguiremos informando.
5 Comentarios
Outras ligazóns para esta anotación
-
Simposio da AGE sobre o libro dixital ás Tati Mancebo — 14 novembro 2009 @ 7:48 pm
-
VI Simposio «O libro e a lectura» | O levantador de minas — 16 novembro 2009 @ 10:02 pm
RSS semente para comentarios a esta anotación. URI do trackback





By bretemas, 13 novembro 2009 @ 11:24 pm
Pedro: grazas pola cita e, spbre todo, polo realismo da reflexión. Como ben puideches comprobar o momento é de gran confusión para o sector do libro. Intúese que é a dixitalización é inevitable, mais non se artellou aínda unha cadea de valor para o negocio. Nin Publisida, nin Numilog, nin Luarna, nin os consultores gurús son capaces de ir máis alá. Insisto, o importante é ter iniciado a viaxe, non ten volta. In the road…
By o pastor eléctrico, 14 novembro 2009 @ 4:22 pm
Paréceme moi acertada a túa visión das xornadas. Creo que o momento que mellor define o que está a pasar na edición dixital foi a túa pregunta ao representante de Google Books. Seguen a vendernos a moto da necesidade de mudar os sistemas de valores de propiedade, pero estes sempre pasan por un sistema de non propiedade do usuario e control total do servidor. De que me serve un libro que non lle podo prestar a un amigo?
Considero moi importantes as revolucións tecnolóxicas, pero para que sexan viábeis teñen que pasar pola liberdade, non polo modelo privativo e monopolista de sempre.
Un saúdo.
By goretoxo, 14 novembro 2009 @ 9:00 pm
A dixitalización é imparable, polas boas ou polas bravas, e non ten retorno posible. E, como sempre, a xenerosidade non é “mandatory”, pero penso que é o único camiño posible cara ao futuro: o resto son fuxidas que só nos levan ao feudal. Nas mans de todos esta sairmos do tunel. Por onde?