respostando a preguntas

as casualidades que moven o mundo.

estes dias atrás recibín un correo da xente que animan o varal morse, para botar unha parrafada na sua cantina, e hoxe unhas preguntas para tempos novos. asique aproveito para transcribir ámbalas duas aqui.

————————————————

primeiro as dos billardeiros:

> -Ola Pedro, benvido á Cantina da LNB, a primeira pregunta é obrigana ….. o vermute branco ou escuro?
escuro, como esas pantallas que nos/vos achegan.

> -cal foi o teu parecer cando a LNB se interesou polo sistema de moví-blogger ou twitter a distancia desenrolado por blogaliza?

pareceume un emprego ideal para a plataforma.
e, tamén, unha mezcla de responsabilidade e de ledicia, por poder botar unha man ao rexurdimento autopropulsado dun deporte noso, e do mundo.

> -nun primeiro intre o desenrolo do sistema permitía dende un só terminal telefónico enviar as secuencias ó VARALMORSE , ista tempada iniciase con un avanzo espectacular como son a posibilidade aberta a tres terminais , un por conferencia, foi moi difícil a xestión?

home, dificil, o que se di dificil non foi. Como case tódolos cambios e melloras nos sitemas sonche cousa de tempo, templanza e tranquilidade. Ainda o temos en probas, por certo.

> -despois de todas as revolucións  blogs , podcast, you-tubes, twitter…. alviscas algunha faisca no horizonte?

ufs…!
faiscas non, lumes fortes, trebóns de ideas e maruxías de redes entretecidas. Sen ir mais lonxe, dende o verán tivemos o lareta, e mailo comezo de galizaid. Despois o primeiro vlog político, e ainda queda moito por ver. Nós estamos dándolle ben duro aos multimedias, e á integración con mundos virtuais e ao asunto do openID. Temos moita esperanza, e moita confianza, no futuro inmediato. Non podia ser doutro xeito. Nós nacimos coa rede, e nela vivimos. Dela somos.

> -ademáis da LNB , hai moito máis persoal ou entidades interesadas no sitema que utiliza OVARALMORSE?

Nos ultimos tempos, cando temos que facer algunha presentación sobre blogaliza e os blogues, o que se comenta como máis interesante, é o asunto dos mobiles. De feito ás veces da a impresión de que os que escoitan falar do tema o interpretan como algo «do futuro», ainda non usable, lonxano da realidade das suas vidas. Eu, pola miña parte, xa son un adicto á publicación de chios en modo multiplataforma, cun so SMS publicamos en lareta, en chuza e en twitter…
En aplicación práctica temos un feixe de usuarios dun sistema mobil que, como é cousa de balde, pode seguir a medrar sen medo te chegar ao teito.

> -despois da consolidación xa absoluta de blogaliza coma unha entidade referecial no panorama dixital galego , cales son a grandes rasgos grandes retos para vós a curto , medio, e longo prazo?

En primeiro lugar, seguimos detrás da consolidación de blogaliza máis alá do «efecto tranvia» (ou das posibles respostas á pregunta «que pasaria con blogaliza se ao goretoxo o pillara un tranvia»). En breve habemos presentar moitas novidades ao respecto. Seguimos mellorando, gracias ao modelo de desenvolvemento do software libre, sen máis esforzo que a incorporación das ultimas versións do wordpress. E seguimos incorporarndo engadidos segundo as suxerencias dos usuarios. Moito traballo, dende logo.
Todo iso no curto e medio plazo. No longo, máis alá do tempo dos poucos meses, agardamos que o mundo siga dando voltas, e a nosa herdanza non se perda, entre bagoas e marcos movidos, nos trebóns que temos no horizonte.

> -por último Pedro, sintes o bruar da terra co avanzar da furacán LNB?

abofé. como dixo o poeta «tanta paixón que poderá detela?»
;)
estades no lugar e no momento. Sonvos tempos de terremotos

————————————————

e despois as de Tempos Novos:

> -Como valoras a evolución do xornalismo dixital en Galicia nos últimos
> dous anos?

se falamos do xornalismo como fonte de información, entón diria que o
xornalismo dixital, na Galiza, nos dous ultimos anos, penso que non
evolucionou moito, por non decir que nada. Sobre todo se seguimos sen contar a edición social como xornalismo. Nen os grandes comedores de subvencións, nen os «alternativos dos 90″ fixeron novo nos ultimos tempos. Cadaquen sigue coa sua corda, e o seu chourizo.

Outra cousa ben distinta é o xornalismo como opinion. Opinións hainas, e
ben surtidas, pero no mundo dos blogues. No político, no cultural, no social,
pódeselle seguir o fio a unha enchente de fontes que, polo peso da realidade (as visitas e o rastro que deixan como creadores de opinion) estan a facer algo novo. Se levamos dous séculos de conflicto entre o «profesional» e o «amateur», agora máis que nunca. Por moito que dende as posicións asentadas non se queira ver, algo esta a pasar.

> -Cales cres que son as súas maiores eivas?

a falta de emprego do medio, seguramente eivada polos moitos tópicos que nos abafan a ollada, e máis ainda pola limitada capacidade de penetración da rede no pais. Que dirian os soviets, se non temos avangarda revolucionaria, non podemos tomar o poder. Moita inversión en TDTs, pero se non temos rede, non temos nada.

> -E cales as maiores fortalezas ou potencialidades?

Algunha vez falando co sr yañez, falábame el da ilimitada potencialidade da rede como espazo en constante crecemento. optimistas hai no mundo. ou somos.
Eu, mais ben, penso que todo esta por facer, na comunicación social. Algunhas das posibilidades estámolas a ver a cotio polo mundo adiante, e outras non as habemos chegar a sentir no pais. Penso que, mais alá da simples cuestión do potencial do xornalismo dixital, a ferramenta dixital, a vida dixital, pódenos permitir dar ese salto, asegurarnos esa supervivencia, facernos universáis. Sobre este asunto, moito queda por facer, pero a cultura do agasallo, nesta realidade da abundancia, é a chave para o tránsito.

> -Cres que estamos vivindo as últimas décadas dos medios diarios en papel?

mais alá do papel, máis alá do petroleo, máis alá do plástico, estamos na fronteira de moita novidade, e non toda boa. E xa non polo custe do papel, ou polas árbores mortas, senon polos hábitos do acceso participativo á información: se che digo que me custa ler a prensa en papel, e non precisamente pola banal excusa que amosaban alguns defensores do status quo (os textos de pequeno formato, e o seu consumo, dan lugar a unha rutina lectora preguiceira), senon pola dificultade de comentar as novas, de participar no debate, de aportar outro punto de vista…

sonche tempos movidos, que non desenfocados.

2 reflexións sobre “respostando a preguntas

  1. Pingback: Calidonia » Os retos dos medios na Galiza que vén

  2. Pingback: Calidonia Hibernia